Wednesday 15 de May de 2024

O Concello propón un convenio coa Consellería de Cultura para a musealización do Museo dos Naufraxios


· Sandra Insua e Encarna Liñeiro reuníronse en San Caetano co secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que se comprometeu a estudar esta colaboración.

· O proxecto de musealización realizaríase unha vez se leve a cabo a reforma exterior da Lonxa Vella por parte da Deputación da Coruña.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, e a concelleira de Cultura, Encarna Liñeiro, reuníronse en Santiago de Compostela co secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia para propoñerlle a formalización dun convenio de musealización do futuro Museo dos Naufraxios.

O secretario xeral de Cultura comprometeuse a estudar esta colaboración, que se levaría a cabo unha vez se executase o proxecto de reforma exterior do edificio da Lonxa Vella, para o que o Concello solicitará proximamente o financiamento da Deputación da Coruña.

Sandra Insua agradece a colaboración de todas as institucións “neste ambicioso proxecto que permitirá que Camariñas conte co primeiro Museo dos Naufraxios de Galicia, poñendo en valor parte da historia de Camariñas e dándolle uso e funcionalidade a un edificio que agora se atopa en moi mal estado”.